Aprender do noso
Estes días, no medio do fume e das imaxes da vida ardendo que están a difundir todos os medios de comunicación; de entre as palabras duras e os feitos inaceptables que escoitamos e vemos; movéndonos entre a compaixón con aqueles que o perderon todo e a solidariedade con todos os que están a traballar para sacar adiante esta Terra. Nós, ás familias galegas, pensamos tamén en cales son as causas que moven a unha sociedade a manter no seu seo a quen de acotío a ataca e prexudica.
A nosa casa, o noso País, a nosa Terra, arde porque alguén lle prende lume, arde porque non se planifica o seu coidado e atención, arde porque as políticas que veñen de fóra marcan un uso e un abandono que non lle son acaídos, arde porque cambian os ventos movidos por emisións de gases que tampouco son nosos; pero sobre todo arde porque a xente, nós mesmas, non coñecemos a nosa historia, a nosa configuración, o lugar onde estamos apousentados, porque plantamos o que non é de aquí, pretendemos o que aquí non pode facerse, e aceptamos que outras culturas, e outros coñecementos, planifiquen e condicionen a nosa vida.
A nós, nais e pais do Ensino Público, preocupounos sempre que este Ensino Galego estea cada vez máis arredado da realidade que arrodea ás nosas crianzas; denunciamos constantemente as políticas de globalización que veñen impostas dende as administracións educativas, por culpa das que vemos como os nosos fillos e fillas son adoutrinados en coñecementos alleos, baixo a escusa de que un paraugas normativo e legal é o mesmo que a identidade dun pobo, son formados en linguas que non saben explicar, porque non teñen as palabras, cales son as nosas realidades; son falsamente convencidos de que “dá o mesmo de onde veñas”, cando certamente sabemos que ninguén saberá nunca cara onde vai se non sabe cal é a súa orixe.
E son esas políticas, non casuais nin inocentes, as que provocan o desleixo dun pobo cara a aquilo que máis debera coidar e acariñar: o seu lugar, o seu País, a Terra que cobre aos seus devanceiros e alimentará aos vindeiros; e é ese desleixo o que constitúe esterco amplo onde medra o desinterese, a permisividade, as accións indignas, o ataque á integridade das xentes.
O País estará a arder por miles de razóns técnicas e formais, haberá moitas explicacións que dar e escoitar, e todas serán certas e incompletas; pero a razón última desta permanente desfeita está na falta de cariño cara a Terra que nos define, e esa falta de identificación, sementada á mantenta por quen ten a capacidade formal de facelo, é o que nos trae a onde estamos agora, á contemplación dorida dun lume constante que nos vai comendo.
Hai que educar aos nosos nenos e nenas no País, na Terra, nos Costumes, na Lingua que nos soporta; hai que vivir Galiza dende nenos, con intensidade e cariño; as nosas crianzas teñen que coñecer que mundo achegado é o que os acubilla, teñen que aprecialo e facelo seu; e logo sairán a esoutro grande mundo para formar tamén parte del, asegurados no propio, respectando o noso, que é o xermolo imprescindíbel para podermos respectalo todo.