En contra da campaña dirixida ao alumnado que pretende dulcificar os terribles efectos dos desastres ambientais
A Confederación ANPAS GALEGAS amosa a súa fonda preocupación porque o 12 de febreiro, a Xunta de Galicia e a Cámara Oficial Mineira de Galicia presentara publicamente un conxunto de materiais supostamente educativos destinados a nenas e nenos de infantil, primaria e secundaria – ademais da campaña de enxeñaría social “Minaría Sostible de Galicia” – que, entendemos, pretenden repartir ao alumnado galego destes niveis educativos.
Lembramos que esta campaña provocou o rexeitamento frontal dos colectivos integrados en ContraMINAcción, que veñen denunciando repetidamente como administracións e mineiras miran para outro lado diante do que este colectivo considera vulneracións legais das explotación, e que deixan un regueiro de contaminación e destrución polo país.
Semella que esta campaña pretende dulcificar os impactos ambientais da minaría tan coñecidos como o proxecto de Corcoesto, Touro, San Finx, ERIMSA ou Triacastela. Impactos que provocaron un lóxico rexeitamento social, e que a devandita campaña pretende combater.
A confederación ANPAS GALEGAS rexeita rotundamente que os sectores mais vulnerábeis da nosa sociedade, entre os cales se atopan as crianzas e adolescentes, teñan que aturar nos centros de ensino, ou en calquera actividade extraescolar, uns audiovisuais perniciosos destinadas a educación infantil, primaria e secundaria que semellan ocultar a grave contaminación, destrución da paisaxe e do patrimonio que denuncian colectivos integrados en ContraMINAcción
Minaría Sostible Infantil: https://www.youtube.com/watch?v=FysyXvoiDW0
Minaría Sostible Primaria: https://www.youtube.com/watch?v=IR5g35y8_74
Minaría Sostible Secundaria: https://www.youtube.com/watch?v=2dmd2aldStY
Diante diso, a Confederación ANPAS GALEGAS solicita á Xunta de Galicia que recapacite e non faga uso dese material “didáctico” que terxiversa a realidade e ocultan os efectos destes terríbeis impactos ambientais.
Desde a Rede ContraMINAcción indican que non se pode falar de “Minaría sostible”, tendo en conta o actual estado das minas de Touro, San Finx, Monte Neme ou Santa Comba, por citar apenas algúns exemplos, onde a drenaxe ácida de mina ten impacto sobre os sistemas fluviais e marítimos. Existen actualmente investigacións en curso tanto no Parlamento Europeo como nas Nacións Unidas sobre os efectos destas explotacións mineiras e o papel ocultador da administración galega.
No caso de Monte Neme, baixo o nome de “lago de intenso azul” ou “hermosas aguas turquesas” ou “paraíso”, estanse a apoiar desde a Xunta de Galicia as “bondades” de balsas tóxicas de residuos mineiros, que acumulan gran cantidade de metais pesados e que son froito da minería extractiva e contaminante. Este non é o único exemplo, como ilustran moitos outras casos de degradación ambiental e paisaxística. Por citar algúns, véxanse os casos da Poza de Cartelle, en Ourense, afectada pola drenaxe áceda da minería; a Poza da canteira de Ventoxo, no municipio de Forcarei (Pontevedra); a Poza da canteira de Pedras Miúdas, en Catoira, afectada pola drenaxe áceda da minería; a Poza da canteira de Nantón, Cabana de Bergantiños (A Coruña), afectada pola drenaxe áceda da minería; a Balsa tóxica da minería no Monte Neme, en Carballo, acentúada polo drama de esta, que incluso foi obxecto de publicidade institucional por parte da Axencia de Turismo de Galicia.
1 resposta
[…] a nosa ANPA queremos apoiar e difundir este escrito en contra dun material didáctico que envía a Xunta aos centros explicando aos nenos as virtudes […]