Xornadas ANPAS GALEGAS no rural. Reflexións.
O pasado 11 de maio estivemos en Muras celebrando as nosas II xornadas no rural.
Muras é un concello do corazón galego, dunha beleza natural indescritíbel, onde nos acolleron coa mellor das atencións; diante de todo temos que agradecer á ANPA do CEIP Antía Cal, ao alcalde e concelleir@s presentes nas xornadas, a súa implicación permanente e o seu entusiasmo, estivemos realmente na casa. E tamén por suposto á Federación Provincial de ANPAs de Lugo, FAPACEL, que serviu de ligazón para conseguir a unidade da actividade.
E que teñen que ver as ANPAs co rural galego, máis aló do feito de que haxa ANPAs nas zonas rurais? Pois da resposta a esa pregunta virá tamén a explicación do porque desta Confederación, e de como concibimos o Ensino Público do noso País.
Para nós non é posíbel un Ensino Público que non sexa Galego, entendemos como erróneo todo modelo que non estea baseado na realidade na que vive; nós sabemos que somos unha unidade cultural, popular, social, económica, e por suposto, tamén educativa, somos xente galega, vivimos aquí, e entendémonos aquí; e queremos que as nosas crianzas reciban tamén na escola os alicerces do entendemento dunha realidade propia que nos explica.
Máis do oitenta por cento do territorio galego é rural, como se lembraba o sábado nas xornadas , a meirande parte dos galegos e galegas temos unha parte de nós mesmos asentada nese rural, falamos de terra e de paisaxe, de afectos e lembranzas, de integración íntima coa Terra que nos soporta e acolle, máis tamén de economía, de riqueza material, de dignidade social, de respecto e valoración do que temos, de recuperación dese rural sen o que non podemos entendernos, e de posta en valor das súas posibilidades de vida certa, perdurable, na que as nosas fillas e fillos medren, aprendan, e teñan futuro.
Para nós, acabar co rural é acabar con nós mesmas, e lamentabelmente iso é o que está a ocorrer nas últimas décadas de desgoberno xeneralizado que nos tocou vivir. Falamos nas xornadas de como se vive hoxe nese rural abandonado polo discurso público, de como sobreviven os centros escolares pequenos, cun número mínimo de nenos e nenas, e un número máximo de implicación e solidariedade entre familias, docentes e concellos; pero tamén falamos de como se chegou a iso, de como o discurso permanente no alumnado galego é o dunha vida urbana, onde o campo está presentado dun xeito que non é noso, nunha mestura entre gran explotación agraria e recuncho de turismo para fuxir da cidade.
Como sempre denunciamos, as nenas e nenos galegos non están sendo formados na súa propia esencia, senón nunha realidade allea que logo rincha cando bate coa propia ao saíren da escola.
O empeño do poder político, non só do Galego, tamén das instrucións que veñen do estado, en non formar á xuventude como individuos, senón como futuros traballadores, está a traer como consecuencia que as xeracións máis novas non están apegadas a ningún lugar, semellan non ter historia nin devanceiros, ou aínda peor, semellan coñecer máis doutra historia e doutros devanceiros do que coñecen do propio.
Descoñecer é desaparecer, porque o que non se coñece non se aprecia nin se valora, malamente poderemos vivir nun lugar do que as súas e seus habitantes non se sintan orgullos@s e implicad@s, e vai ser moi difícil pelexar por un territorio que ninguén entende como seu, porque o que non é afectivamente dun mesmo non se defende nin se reclama.
Mais, coma é cotián, a xente estamos avanzando a máis velocidade e en mellor dirección que aqueles que nos gobernan, e realmente diso tamén falamos nas xornadas do sábado, das experiencias fabulosas das persoas que están a pelexar por manter os espazos, as fontes de vida, os colexios, a actividade; de como se pode poñer en valor este inmenso País noso, de como cada quen no seu lugar pode contribuír a que isto permaneza e medre, e de como están a facelo.
As experiencias das ANPAs que alí estiveron foron dignas de aplauso. Tanto as máis pequenas como as máis grandes están a ser o motor dos centros escolares, convivindo nunha auténtica comunidade educativa, e tentando saír a traballar coas ANPAs da súa contorna, para compartir traballos e multiplicar resultados; Profesorado que acudiu contounos tamén da inmensa experiencia que supón o traballo en centros pequenos – e do abandono dunha administración educativa que pon todos os atrancos posíbeis ao mantemento destes centros e ao traballo destes profesionais- porque ese traballo ten unha implicación coas familias e coa contorna social que non é posíbel noutros modelos masificados, do que resulta sempre unha mellor experiencia educativa para os rapaces e rapazas que tiveron a sorte de gozalo.
Profesionais da formación universitaria achegáronnos a un modelo de noso, coa defensa de que todo o alumnado ten as mesmas posibilidades, estea no medio do monte, ou no medio da maior cidade, porque a diferenza non está na crianza senón nos medios que se lle fornezan; e da utilización práctica da realidade na que vive, que mesmo é no rural moito máis viva e variada do que pode ser nun espazo urbanizado e uniforme.
Tamén falamos de posibilidades económicas, e de como o problema do rural non é o despoboamento, senón as políticas económicas dirixidas a impedir o asentamento de novos poboadores, e mesmo a migración dos existentes (porque o rural non se abandona porque haxa que facelo, abandónase porque hai un poder económico que quere abandonalo, para logo explotalo sen límites).
E, sobre todo, na última das exposicións antes do resumo, falouse de afouteza, das opcións reais e certas que existen no noso rural, de como se pode saír, mellorar e ter un futuro digno que ofrecer ás nosas fillas e fillos, e de como temos que manter abertas as escolas para que as nosas netas e netos teñan a onde ir cando vivan nese rural permanentemente renovado que declaramos como propio e desexado.
Foi un día intenso e interesante, mais sobre todo foi un día de ilusión, hai moita xente traballando polo rural, é iso dános unha tranquilizadora seguridade.