ANPAS GALEGAS OPINA SOBRE AS INSTRUCIÓNS DO 27 DE ABRIL DA CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN
Dende a Confederación ANPAS GALEGAS queremos manifestar a nosa satisfacción polo feito de que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dite unhas instrucións para o desenvolvemento do terceiro trimestre do ano académico 2019/2020, que concorden coas propostas que nós mesmas lle fixemos, xunto co resto das entidades que representan a familias e profesorado no Ensino Público Galego, no noso comunicado do pasado 13 de abril, hai exactamente quince días.
Malia esa satisfacción pola concordancia, agora mesmo vemos difícil levar a cabo o que non se fixo nas últimas seis semanas; e por iso a nosa valoración principal é de tempo e oportunidades perdidas; tempo que ademais non foi utilizado para eliminar as situacións de desigualdade a tódolos niveis, das que está ateigado o texto das instrucións, e que están a deixar fora do sistema a unha porcentaxe inaceptable do alumnado .
É certo que está rotundamente asumido, por fin, que o curso rematou o pasado 13 de marzo, a efectos académicos, e que o labor que queda por facer ata o 19 de xuño é de reforzo e recuperación da materia xa impartida; pero neste momento as familias precisamos medidas máis concretas e que acheguen certa seguridade á hora de enfrontar o curso próximo coa garantía de abordar con éxito todo o que vai quedar pendente deste, polo tanto debemos insistir nas seguintes reivindicacións:
- A necesidade da elaboración dun plan educativo a medio e longo prazo, que evite a situación de desorganización educativa que estamos a vivir, e, que resolvería tamén as eivas que viñan existindo na atención domiciliaria ao alumnado, e calquera contratempo que faga imposible a asistencia presencial nas aulas.
- A necesidade da participación de toda a comunidade educativa na elaboración dese plan e de todos os que atinxen o ensino; mediante a constante convocatoria de mesas de traballo na que esteamos todas presentes.
- A necesidade de solucionar a fenda dixital, que non é cuestión só de ordenadores e conexións, que son imprescindíbeis, é cuestión de formación obrigada para toda a comunidade educativa, de seguimento por parte do profesorado e inspección educativa , e da garantía de que o sistema funciona.
- O incremento na dotación do cadro de profesorado que permita, inmediatamente, a diminución do rateo de alumnado nas aulas, a posibilidade de desdobres e a presencia de todo o profesorado de apoio necesario, porque se algo se destacou neste tempo de confinamento é que quen primeiro sufriu a ausencia das clases presenciais foi o alumnado NEAE, xa de acotío non ben atendido nas aulas, e hoxe mesmo practicamente abandonado da realidade educativa xunto co resto da diversidade.
- Á necesidade dunha moratoria no cambio dos libros de 3º e 5º de primaria que correspondería o próximo curso e que, agora mesmo, está fora de lugar.
Temos que tentar sacar algo positivo desta caótica e dramática situación e aprender dos errores.