ELECCIÓN DA DIRECTORA OU DIRECTOR DOS CENTROS ESCOLARES
O estado de alarma que se iniciou no territorio español no pasado mes de marzo supuxo a paralización de numerosos procedementos administrativos que posibilitaban non só o axeitado funcionamento dos centros escolares públicos, senón tamén nalgúns casos a participación democrática -conforme a lei- da comunidade educativa na súa xestión.
A progresiva volta á normalidade con levou a reapertura dalgúns destes –como a solicitude de prazas, matricula, solicitude de axudas para libros..- pero non doutros que continúan paralizados, como é a elección do director ou directora dos centros nos casos nos que se cumpría o período fixado e/ou os actuais non manifestaran a súa intención de continuar.
Sobre este proceso, a Confederación ANPAS Galegas, en representación das familias dos centros escolares públicos galegos, reclama:
- Que se reanude de inmediato o proceso de concurso de direccións acortando os prazos para que poida estar resolto a inicios do curso que ven, garantindo así o cumprimento do recollido na Lei sobre a súa elección, e a participación dos consellos escolares de centro nos termos establecidos.
- Que no caso de resultar inviable, que o nomeamento por un ano de forma excepcional da directora ou director dos centros que estaban á espera do concurso, cumpra cos requisitos establecidos no artigo 127 e 133 da LOMCE de xeito que a proposta de nomeamento deba contar co apoio explícito do Consello escolar do centro, órgano colexiado de goberno onde están representados todos os sectores da comunidade educativa.
A relevancia deste procedemento é obvia por canto a directora ou director marca o estilo de xestión, funcionamento, convivencia, liderado, innovación e relacións coa contorna dos centros de ensino. A participación da comunidade educativa na súa elección a través do seu órgano de representación é, polo tanto, non só un requisito legal, senón que posibilita o funcionamento harmónico dos centros e o desenvolvemento dun proxecto compartido e co participado por dirección, claustro e comunidade educativa; o que se cabe resulta aínda mais necesario no curso que ven, por canto nas circunstancias nas que nos atopamos será previsiblemente especialmente complexo.