Todas somos rural
Agora máis ca nunca é o momento de mirar cara ao rural. É o momento de lembrar todo o que temos e traballar por mantelo, de rachar coa idea de que sen servizos non se pode vivir na aldea, e sen vivir na aldea non pode haber servizos, porque son os nosos dereitos o que hai que poñer en valor, os que fornecen o noso futuro.
Porque non é certo que o rural esmoreza por si propio, proba disto é a situación que alí ten o ensino público, que é un privilexio para os nosos nenos e nenas, e aínda así ten unha situación delicada polos continuos recortes ano tras ano, malia manter un nivel de calidade que non é posíbel noutros lugares coa mesma intensidade.
Non podemos esquecer que a nosa rapazada non son unha ringleira de números. Son o futuro do país e son tamén os que van conseguir que todo isto non desapareza. Son as persoas que manterán a cultura, as tradicións, todo o patrimonio histórico, os que conservarán a paisaxe e os que van a proporcionarnos a todos a carne, o leite, a verdura, o peixe … Realmente estamos en condicións de esquecer a nosa responsabilidade para garantir que todo isto permaneza?
Nas páxinas da Confederación ANPAS GALEGAS, e nas das Federacións que a forman, imos continuar agradecendo ao rural galego todo o que representa para este País, e ímolo facer desta volta coa colaboración de persoas da nosa cultura, persoas que nos van agasallar coa súa creación artística para que cada obra publicada sexa un aplauso á Terra, ás persoas, aos costumes e á realidade que son parte de nós, para que nos fagan pensar a todas no rural e na súa importancia.
Agradecémoslle fondamente á xente da cultura galega, que sempre estiveron con nós na defensa do ensino público, o valor do seu traballo; pero sobre todo agradecémoslles que, xunto coas nosas fillas e fillos, manteñan vivo o lume que quece a vida do Rural, esa vida resistente na que se pode albiscar un futuro merecente hoxe do noso maior esforzo.