Caos na xestión da pandemia nos centros de ensino.
Dende a Confederación Anpas Galegas queremos denunciar, a petición de numerosas anpas, o terrible descontrol na xestión de casos confirmados de Covid-19, sospeitosos e casos compatibles.
Temos un novo protocolo do 5 de novembro no que, supoñemos, ata as máis avezadas se perden nas siglas e no procedemento burocrático. Isto sería o único que puidera explicar o caos nos centros de ensino e a inseguridade provocada nas familias.
Realmente é tan complicado o traballo coordinado entre a Consellería de Sanidade e a de Cultura, Educación e Universidade? Vostedes danse de conta do que están a provocar? E non falamos só da inseguridade e preocupación, máis que xustificada, das familias, están a provocar situacións moi perigosas para o alumnado e as súas familias.
Somos conscientes de que a Consellería de Educación está a traballar arreo para sacar protocolos, normas, instrucións, plans de continxencia… pero toda esta inesgotábel listaxe, se non hai un mínimo de organización non serve para nada.
Como é posíbel que nunha aula dea positivo unha docente e non se fagan as probas ao alumnado desa aula e nin sequera se lles confine? Iso está a pasar no colexio Rosalía de Castro de Lugo; ou que unha colaboradora do comedor escolar do CEIP Vista Alegre de Burela dea positivo e non se fagan probas nin se confinen nin ás compañeiras desa traballadora nin as persoas usuarias do comedor que, recordemos, comen sen máscara? Ou que os rastrexadores tarden máis dunha semana en poñerse en contacto co alumnado confinado para facer a PCR ou o seguimento? Ou o caso, aínda máis absurdo de chamar a alumnado non confinado (que deberan estalo) para dicirlles que podían saír do confinamento? Estamos xogando a un xogo moi perigoso.
Estamos vendo que existe unha disparidade de criterios e de coherencia nas medidas adoptadas. Temos casos cun positivo e aula pechada e outros cun positivo só hai unha ou dúas persoas en corentena; casos nos que se fan PCR rapidamente; outros tardan días e outros non se fan; número de días de corentena moi desigual; etc.
Ademais, consideramos un despropósito a incorporación na última actualización de obrigar tanto a alumnado como profesorado convivinte con caso sospeitoso ou con síntomas compatibles a acudir ao centro mentres non se confirme o positivo, en caso de selo, contradicindo ás indicacións que tanto Ministerio como propia Xunta fai para a poboación xeral.
Por suposto que o que máis importa neste momento é a seguridade para o alumnado que non deixamos de esixir nin nun só momento… pero que está pasando e que vai pasar coa parte educativa? Onde están os famosos “plans de continxencia” que xa se mencionaban nas instrucións do 30 de xullo e aínda non aparecen? O ensino virtual para todo o alumnado, que agora mesmo está en corentena e/ou, que lamentablemente estará, segue sendo unha utopía.
Animamos ás familias a estar pendentes do correcto seguimento dos protocolos e a denunciar ante Inspección Educativa todas as irregularidades que se están a dar.
Esiximos a esta Consellería que procure a precisa coordinación coa Consellería de Sanidade para evitar estas situacións de caos que están a provocar na xestión de positivos da Covid-19.
1 resposta
[…] dejo la página y el comunicado de las Anpas en este enlace por si queréis verlo […]