E LOGO, PORQUE NON IAMOS SER IGUAIS
E logo…por que non íamos ser iguais?
Unha pregunta dunha lóxica abraiante . Seguro que calquera nena ou neno de infantil faríaa sabendo que toda resposta que non fora: “ claro que somos iguais”, é mentira.
Pois esa mentira é a na que vivimos nesta sociedade, unha mentira ilóxica dende tódolos puntos de vista posible , porén, aí está.
Volvémonos tolas organizando charlas , obradoiros e toda clase de actividades para nais e país, para adolescentes, para tódalas idades sobre igualdade, coeducación, diversidade, violencia de xénero e todo o que se nos ocorre, tentando poñer un parche a unha eiva social demasiado grande . E case non temos resultados positivos. Vémolo de acotío: nenas de 14 anos controladas polas súas parellas, nenos de 14 anos actuando coma se foran machos alfa, nenas cuestionando o que visten outras nenas, mulleres criticando a forma de actuar das outras mulleres, que si sae coas amigas, que si ten que facerse cargo dos nenos o home e enriba ten que cociñar, onde tal se viu !!.
Algo está a fallar na educación …e somos nós, as nais e país, homes e mulleres.
As que temos tan claro que somos independentes, que temos un status laboral e social totalmente lóxico (semellante ao dos compañeiros), as que repartimos a partes iguais as tarefas da casa , as que recoñecemos o que tiveron que loitar outras antes para nós ter estes dereitos, as que, moitas veces, aínda así, consentimos o comportamento dos nenos e nenas de 14 anos e aceptamos retroceder coma se fose inevitábel. Non temos , nin moito menos, interiorizado o concepto de igualdade, non somos quen de detectar nin , por suposto, corrixir conductas machistas no cotián.
A fenda é moito maior do que pensamos. Máis hai un punto de esperanza: todas temos claro que a meirande parte das lacras desta sociedade resólvense coa educación. Entendámonos: educación no colexio , educación na casa, educación na rúa, no parque, na aldea… En tódolos ámbitos, absolutamente en todos.
E , se o temos tan claro e temos todas as ferramentas que se poden ter, cal é a escusa? . Non hai tal escusa, simplemente deixámonos levar e facemos como se non o víramos e logo coidámonos ben de no relacionar ese feito coas consecuencias.
É que é molesto cargar coas culpas do que consentimos, pero cómpre, non ?, non abonda con mover o noso mundo, hai que esixir que os demais tamén o movan, que non retrocedan.
Na igualdade, nin un paso atrás, nin un machismo aceptado, nin unha resposta morna, é responsabilidade de todas.