FOROS PLAN EDUCATIVO ESPECÍFICO PARA O RURAL
Dende a confederación ANPAS GALEGAS vemos con preocupación coma o ensino no rural leva unha traxectoria preocupante nos últimos anos.
A ninguén lle pasa desapercibido que a educación é un servizo básico que non podemos permitirnos que desapareza , nin polas nosas nenas e nenos nin pola identidade do noso país. Semella que ás veces esquecemos que a meirande parte do territorio galego e rural.
A desigualdade entre o alumnado galego que acode aos centros de ensino urbáns e os que están nos colexios rurais é importante; tamén é certo que, de tanto vivila, esta situación vémola coma unha consecuencia natural intrínseca á vida na aldea. Pero non é así, e non ten porqué ser así, e haberá que cambiar o que o impide.
Está claro que para manter a vida no rural é precisa unha discriminación positiva e un cambio importante en tódolos sectores e , por suposto, no eido educativo. Precísase un “Plan educativo específico para o rural” e non podemos demóralo máis.
Este plan de futuro teno que elaborar a Administración, pero nós non imos parar a mirar como non o fai, por iso estamos a traballar no establecemento das bases desa demanda. Facémolo permanentemente como unha reclamación, pero ademais agora estamos traballando en actividades concretas como as que vos queremos presentar.
Durante o mes de maio, a Confederación ANPAS GALEGAS organizará catro foros temáticos sobre o rural:
Foro 1: A contorna na educación
- José Manuel Roca : Instituto de Estudos Chairegos
- Daniel López Muñoz, sociólogo
- Antón Costa: Facultad de Ciencias da Educación de Compostela
- Mariló Canedo: Facultad de Ciencias da Educación de Coruña
Foro 2: Potencialidades do rural
- Verónica Marcos : FADEMUR GALICIA
- Xabier Bruña. Enxeñeiro técnico forestal
- Mar Pérez Fra doutora en ciencias económicas
- Antonio R. Corbal: CDR o Viso
Foro 3: Lingua e cultura no rural
- Anxo Moure escritor , contacontos, ecopacifista
- Marcos Maceira: Mesa pola normalización lingüística
- Mercedes Queixas profesora e escritora
- Alberte Ansede: Casa Museo Manuel María
Foro 4: Qué rural queremos?
Xosé Luis Rivas – Mini: BNG
Luis Alvarez: PSOE
Este esforzo é a continuación de moitas asembleas e dunha macroenquisa entre as familias para coñecer a percepción do rural que teñen as súas habitantes e tamén o resto da poboación galega. E da suma de todos os datos recibidos, e de todas as ideas presentadas, sacaremos unha demanda ampla para que se mova quen ten que moverse.