Celebramos o día do libro?
Úrxenos
Manuel María
tomar conciencia
de quen somos
de decatarnos
onde estamos,
de saber cales
son os nosos
erros e edificar
con fe o mañá.
Úrxenos poñernos
de pé e camiñar
somos nós os que
temos que construír
con toda responsabilidade
a nosa Historia.
Claudicar é morrer.
Os libros, ler, aprender e mirar a través deles son a cultura que celebramos, dentro do ensino e fóra del, reivindicando sempre o dereito das nosas nenas e nenos a telo todo ao seu dispor.
Hoxe é 23 de abril, un día tópico no que nos deu por celebrar o día do libro. Está ben. É unha festa para que se vendan máis libros, pero tamén é unha festa para que se merquen máis libros, para que se lean, para que engaiolen a cabeza das nosas nenas e nenos -e a das maiores- con historias, aprendizaxes e emocións.

Pero non deixa de darnos voltas ao maxín que é o que estamos celebrando no rural: un día do libro sen librarías, sen bibliotecas cando pechan os colexios, sen clubes de lectura porque non hai alumnado abondo nin medios para facelos ?
Celebramos que ninguén nos ten en conta, que os nosos colexios pequenos, rurais, esmorecen?
Celebramos que unha vez máis, e xa levamos anos así, só importa o diñeiro que se gasta?
Celebramos como agoniza a nosa cultura rural ?, que é a de todas, non esquezades que vivimos nun precioso país rural.
Celebramos como non somos quen de atopar a solución á traxedia da situación do rural?
Celebramos que a educación non ten a mesma importancia segundo onde te tocara vivir?
Realmente temos moito que celebrar. Aínda así: Feliz día do libro!