Dia Mundial da Educación
A educación é a aprendizaxe das ferramentas básicas para comprender un mundo evolucionado, que sae do ámbito da natureza para introducirse na complexidade social; comezou sendo un privilexio e foi lentamente espallánsdose polas capas sociais máis desfavorecidas e pobres; o coñecemento, que sempre diferenciou ao poder real, fíxose cada vez máis amplo e difundido na nosa sociedade, pero non é así no mundo todo, e tampouco é así na nosa propia realidade se miramos honestamente ao redor.
Certo é que a xente de aquí aprende toda a ler, escribir, que coñece as “catro regras” que dicían os vellos, e que é quen de desenvolverse basicamente nun contexto elemental; pero non é menos certo que ese contexto elemental de sabedoría foise ampliando de seguido, e que hoxe é necesario saber moito máis que hai unhas décadas para estar dentro dese grupo educado ao que fai referencia ese dereito.
Porque o dereito á educación é basicamente o dereito a non quedar atrás na comprensión do conxunto, a ter as ferramentas para poder interpretar os movementos sociais, a vida que cada quen ten que vivir, é o dereito a entender para defendernos, e tamén para disfrutar das oportunidades do noso tempo.
Hoxe non cabe falar de dereito á educación sen falarmos do dereito á diversidade, porque só na atención a esa diversidade, na conciencia clara de dereito de todas a esa educación niveladora, estará a efectividade dese dereito que hoxe festexamos.
O dereito á educación non é xa o dereito á escola, nin á aprendizaxe elemental, é o dereito a sermos coma calquera, a saber o que todas saben, e a poder tomar as nosas propias decisións con conciencia e coñecemento completo. Pelexemos por iso, para todas.
