ANPAS Galegas participou no parladoiro “Ensino no Rural” dentro do I Encontro 17 (Santiso, Lugo)
O pasado 23 de setembro, Isabel Calvete, presidenta da Confederación ANPAS GALEGAS, participou na xornada que organizou a Anpa A Xuntanza, do CEIP de Arcediago, no concello de Santiso (Lugo).
A iniciativa, que denominan “Encontro 17“, trata de poñer o foco no ensino no rural, no que está a pasar e no que queremos que ocorra nel. De como necesitamos continuar creando comunidade e vida, e do imprescindíbel que é loitar polos dereitos e a esencia do noso país e os seus habitantes, nomeadamente polas novas xeracións que están nos centros escolares.
Centos de familias se achegaron a disfrutar deste encontro no que se “conseguiu que tanto os hábitos saudables, coma o goce do patrimonio natural e a cultura, fosen collidos da man para deleite dos/das alí presentes”.
Para a nosa Confederación, isto foi un paso na difusión do noso Plan Específico de Ensino para o rural galego, unha iniciativa que presentamos a principios deste ano 2023, e que continuaremos con outras accións futuras porque é unha intencionalidade permanente: a de defender o que é imprescindíbel conservar e mellorar: o rural galego e o ensino e a vida dos que viven nel.