Xuntanza co Partido Popular no Parlamento (22/11/23)
Continuando coa rolda de xuntanzas que estamos a manter nestes días cos distintos grupos parlamentarios, o pasado mércores 22 de novembro estivemos no Parlamento coas representantes da área de educación do Partido Popular. O obxectivo destas reunións é presentar a nova directiva de ANPAS GALEGAS e trasladar a nosa visión sobre a situación actual do ensino público.
Debatimos sobre cuestións tan importantes como a necesidade de abordar con urxencia o tema do trasporte, partindo dunha análise conxunta do mapa escolar no País. Concordamos na urxencia de traballar dende xa na zonificación, tal ligada ao trasporte, así como de detectar as incidencias e os incumprimentos para poñer solución a cada un deles.
Tamén falamos da prioridade que é para nós a atención á diversidade e, aínda que recoñecen avances importantes no ensino en primaria, son conscientes das importantes eivas que hai no paso a secundaria e, especialmente significativas, no ensino non obrigatorio.
Trasladámoslle a importancia de coordinar ás distintas consellarías (educación, mobilidade, medio rural) para abordar a realidade do rural, unha realidade sumamente trasversal e que precisa con caracter urxente unha implicación de verdade por parte da administración. Pechamos esta reunión facendo fincapé no modelo de comedores que vimos defendendo dende ANPAS GALEGAS: un modelo único, gratuíto, de xestión directa.
Quedámonos co seu compromiso de traballar conxuntamente nestes e outros temas e coa necesidade de continuar co traballo que vimos facendo dende hai xa unha década.
