XUNTANZA ANPAS GALEGAS COS GRUPOS PARLAMENTARIOS
Dende ANPAS GALEGAS propuxemos unha rolda de reunións cos distintos grupos parlamentarios cuxo obxectivo era presentar a nova directiva da Confederación, así como dar traslado ás distintas representantes das áreas de educación da nosa visión sobre a situación actual do ensino público.
Falamos primeiro co PSdG-PSOE, continuamos co PP e rematamos esta mesma mañá coas representantes do BNG. As respostas de todos os grupos foron cordiais, e en todos os casos tentamos abrir as portas á colaboración presente e futura, explicámoslles que acudiriamos a elas de maneira continua e que tamén nós estabamos a disposición para que nos teñan en conta, pois de seguro temos moito que achegar.
Atención á diversidade
Nesa valoración da situación do ensino galego, puxemos o foco na atención á diversidade, mermada en identificación, en formación sobre as distintas realidades e, sobre todo, en recursos. Aínda que hai avances importantes neste sentido no ensino en primaria, todas son conscientes das importantes eivas que aparecen no paso a secundaria e, especialmente significativas, no ensino non obrigatorio.
Transporte escolar
Debatimos sobre cuestións tan importantes como a necesidade de abordar con urxencia o tema do trasporte, partindo dunha análise conxunta do mapa escolar no País. Concordamos na importancia de traballar dende xa na zonificación, tan ligada ao trasporte, pois non podemos quedarnos so nos incumprimentos ou incidencias que cada día nos chegan, posto que a problemática deste servizo complementario é estructural.
Necesidade dun plan educativo específico para o rural
Incidimos na necesidade de abordar o ensino no rural implicando ás distintas consellarías (educación, mobilidade, medio rural) e atendendo así á realidade trasversal que nel se dá.
Outros asuntos de importancia
Comedores escolares, formación, gratuídade, dixitalización do ensino…estes foron temas sobre os que tamén quixemos expoñer a nosa visión, as eivas que detectamos en cada ámbito e cales son as nosas propostas para solventalas e continuar avanzando.
Dende ANPAS GALEGAS estamos convencidas de que foi unha rolda positiva que de seguro sumará e contribuirá na nosa procura constante de mellora do Ensino Público.