Reunión de ANPAS Galegas co BNG (13/02/24)
ANPAS GALEGAS remitiu aos grupos políticos que se presentan ás eleccións autonómicas as nosas propostas para a mellora do ensino público, e ofrecémonos para manter as xuntanzas que eles demandaran.
Respondeunos o BNG e o pasado martes día 13 de febreiro partillamos coa súa representante, Cristina Fernandez, para expoñerlle as eivas do ensino público galego.
Falamos da necesidade dunha lei educativa galega, da importancia da integración das familias na comunidade educativa da que formamos parte, da problemática da falta de transporte público para o alumnado de ensino non obrigatorio, tamén da importancia de ter comedores escolares de xestión directa como garante de calidade e servizo educativo.
Trasladámoslle que o ensino dixital segue a ser unha preocupación para as familias; tamén é preciso tomar medidas contra a desgaleguización do ensino, cada ano que pasa o alumnado vai perdendo competencias na súa lingua e iso só pode solucionarse dende a escola.
Outro dos problemas que preocupan ás familias é a falta de especialistas para a atención de necesidades específicas de apoio educativo. Se non hai medios suficientes é imposible acadar un ensino inclusivo.
Tamén falamos da necesidade da revisión dos protocolos educativos e da necesidade dun plan educativo específico para os colexios do rural que ten que ir vinculado necesariamente a un plan integral para o rural galego.
A gratuidade do ensino é unha das nosas prioridades e así llo fixemos chegar.