UNIFORMIZACIÓN DAS PROBAS DAS ABAU
A proposta do líder do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feijóo, de implementar unha Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (EBAU) común nas 11 comunidades autónomas gobernadas polo PP xera preocupacións e debates sobre a súa viabilidade e consecuencias para o alumnado, docentes e centros educativos.
Feijóo afirmou durante un coloquio sobre educación organizado polo seu partido que o obxectivo é que a EBAU sexa un sistema común en todas as comunidades do PP para o ano 2025. Con todo, expertos consultados expresan dúbidas sobre a posibilidade de realizar unha proba idéntica en territorios tan diversos como Galicia e Andalucía, destacando as diferenzas nos currículos académicos e no uso de segundas linguas nalgunhas rexións.
Dende ANPAS Galegas consideramos que as ABAU presentan un problema práctico evidente debido á autonomía das comunidades autónomas sobre o 40% do currículo, e no caso daquelas con lingua propia, o 50%. Isto resulta en diferentes bacharelatos en todo o territorio español. A unificación só sería posible se se centra exclusivamente no 50% do currículo establecido polo Estado. Con todo, ANPAS Galegas destaca que isto supón un problema práctico e teórico, xa que as comunidades autónomas xestionan o 100% do currículo na práctica, desde a súa interpretación ata a inspección e xestión.
A realidade é que as 17 administracións autonómicas teñen dinámicas e enfoques educativos diferentes, o que fai difícil unha uniformidade total. ANPAS Galegas sostén que o obxectivo non debería ser a unificación total da educación, xa que a diversidade é unha característica importante do noso sistema constitucional. A capacidade das comunidades autónomas para identificar a educación co seu territorio é un logro esencial no marco do sistema educativo español.
Dende ANPAS Galegas queremos salientar a necesidade dunha reorganización profunda para abordar o acceso á universidade e os desafíos asociados co sistema actual das ABAU. Consideramos que o acceso universitario favorece sistematicamente a aquelas persoas con máis recursos, relacionando a mellora económica coa mellora formativa no fogar. Dende ANPAS Galegas avogamos por unha modificación do sistema de acceso á universidade, non a través da unificación, senón buscando garantir un acceso diferenciado para os estudantes e queremos destacar a importancia de abrir un debate sobre o tipo de universidade que se busca, a súa utilidade laboral e a necesidade de revisar as restricións de acceso baseadas na utilidade laboral máis que no nivel de coñecemento.
En resumo, dende ANPAS Galegas consideramos que a modificación do sistema de acceso á universidade debe ser abordada desde unha perspectiva máis ampla, considerando o papel das universidades e abrindo así un debate esencial sobre o futuro do sistema educativo en España.