Deixade que o noso idioma nos acubille
Diante da próxima convocatoria do día 17 de maio, pensando nalgún outro xeito de ofrecer a nosa pequena colaboración na defensa da nosa Lingua; ocorréusenos que realmente é o Galego quen está a nos defender de a cotío, e que esa é a nosa forza e a nosa seguranza, que nel atopamos a identidade que nos autoriza a sermos como somos, a expresión que nos presenta ao mundo.
E para que iso ocorra temos que deixar que o galego coide de nós, que nos protexa, que sexa coma a lembranza morna do cariño da nai, esa que acompaña a vida toda, e que é o noso tesouro íntimo, o talismán que nos dá a forza para medrar defendidos da perda de quen fomos.
Tede o Galego con vós, permanentemente, sendo sabedores da riqueza coa que nos fornece todos os días da nosa vida, procurando nel as palabras todas que nos permitan dicir o que queremos, atopando nel as fórmulas para ter sentimentos que todas coñezan ou para sacar diante dun grupiño escolleito os nosos máis íntimos pensamentos; e tamén para poñer á vista de todas as nosas ideas máis públicas, o noso xeito de vivir a sociedade que queremos e pola que traballamos, a que lle imos entregar a todas as que veñan detrás, aos millóns de galegas e galegos que han estar aquí logo de nós marchar, e que han recibir de nós, e de ninguén máis que de nós, a inmensa, a fermosísima herdanza desta Terra, desta Cultura, desta Lingua.
Aqueles que todo o comercian queren facernos crer que tanto ten a lingua que utilicemos, porque o importante é entendérense para mercar e vender; queren convencernos de que calquera expresión é válida para calquera persoa, porque só se trata de nos comunicar con ideas moi sinxelas; queren meter nos nosos miolos que mesmo hai linguas mellores ca outras, porque xa as coñecen máis persoas, xa están postas en máis etiquetas.
Mais as linguas non son todas iguais, sabeo calquera persoa do universo, cada quen de nós temos unha única lingua na que está presente a nosa historia, a nosa familia, o noso cariño; todas as linguas son boas e con todas se pode agarimar, pero só na nosa propia poderemos sentir que nós somos o suxeito directo dese aloumiño, só na nosa propia sentiremos que o ar está a acariñar a nosa pel cando a escoitemos resoar ao noso carón, só a nosa propia transmite para nós o paso eterno de todos os que viñeron antes, e só na nosa propia podemos deixar a nosa pegada no sentimento futuro.
Volvemos a ter moi preto a celebración das Nosas Letras. Haberá quen faga festa e celebre, nas rúas ou nas casas, tan grande acontecemento; haberá quen manifeste en público o seu compromiso e faga ver con naturalidade a súa vida en galego; esa é a xente que mantén, conserva e acompaña ao noso idioma, é a xente que está acubillada nel.
Mais tamén escoitaremos proclamas baleiras que digan e repitan a importancia do noso idioma, e volverán a soar os discursos ocos dos nosos dirixentes que encherán novamente os espazos de ritual, os lugares sagrados onde se fala ese galego que é coma un disfrace que se utiliza nas liturxias da política; escoitaremos chamados á fala elaborados e lidos por xente que non quere ao noso idioma, que só di o que xa decidiron que toca dicir no sistemático cabodano da nosa lingua no que veñen convertendo cada 17 de maio.
E se continuamos camiñando por ese vieiro no que nos meteron os escuros, chegará, máis cedo ca tarde, o momento no que nós propios desaparezamos xunto coa lingua que nos define e nos explica, a que nos esculpe no ar e na choiva, a que nos debuxa nos cantís e resoa nas nosas fragas, a que vive en nós e na que nós vivimos; e daquela desaparecerán tamén os nosos pais, os nosos avós, as nosas lembranzas e o mundo que coñecemos; faltarán as árbores porque non terán nome, faltarán as paisaxes e os lugares porque non haberá quen os chame, faltaremos nós mesmos e a nosa propia historia; como, entón, podemos deixarnos morrer?
Somos nós quen temos a responsabilidade de manter o que nos dá forma, quen temos que artellar a maneira de que a mocidade, engaiolada polos discursos espurios que ligan a oportunidade económica ao desleixamento do propio, vexa as vantaxes de se acubillar nas verbas que son a súa coiraza, o seu abeiro, fronte a un futuro de miseria e de ausencia.
E iso só se fai demandando e defendendo, coa nosa propia e constante expresión e tamén coa nosa permanente esixencia, que nos devolvan os espazos, os escenarios, as tribunas, as aulas, os lugares todos onde nosa Lingua debe falar como Señora de seu, Dona do seu dereito, Protagonista absoluta da nosa vida e das vidas vindeiras.