A gratuidade no Ensino Público (publicado na Revista Galega de Educación)
Dende a referencia inconcreta da Constitución de 1876, cando fala de regular os “establecementos de instrución pública costeados polo Estado”, até a actual redacción constitucional, “O Ensino básico é obrigatorio e gratuíto”, hai un longo camiño no que non se pode obviar a declaración constitucional de 1931, “A República lexislará no sentido de lle facilitar aos españois economicamente necesitados o acceso a todos os grados de ensinanza, coa finalidade de que non estean condicionado máis que pola aptitude e a vocación”.
E esa longa traxectoria, que nos leva á actual normativa da LOE de 2006 no seu artigo 4.1: “O Ensino básico ao que se refire o artigo 3.3 desta Lei (primaria e secundaria obrigatoria) é obrigatorio e gratuíto para todas as persoas”, ten dous caxatos onde se vai apoiando:
- A obrigatoriedade: para a Administración Pública como garante da prestación, e para a cidadanía como usuaria “forzada” dese servizo público.
- A gratuidade: que debemos sempre entender como outra obriga do Estado que crea nos cidadáns un dereito específico: o de poder cumprir coa obriga formal de ser formados dun xeito que non lles supoña un custo diferenciado.
Pero é certo que dende as primitivas pretensións do século XIX, que a pouco máis aspiraban, e xa non era pouco, que á alfabetización elemental de parte da poboación –porque inicialmente as mulleres non eran por desgraza destinatarias desa intención- ata a actual amplitude de dez cursos académicos, houbo unha evolución que lentamente foi separando aquel binomio de obriga e gratuidade. Realmente, non hai comparación posible entre as necesidades que derivaban da aprendizaxe da lectura e escritura e uns mínimos rudimentos de aritmética, e a complexidade de medios materiais e humanos que hoxe se precisan para dar cumprida cobertura aos amplísimos contidos, e aínda máis amplas expectativas, que agardamos que coñeza unha persoa que remata o Ensino Obrigatorio.
A concepción inicial da obriga pública limitouse sempre ao facilitamento de infraestruturas e de persoal, ou sexa, escolas e profesorado; e basicamente iso non mudou en esencia, aínda que é certo que as escolas son máis grandes e moito mellor dotadas, que ao profesorado se lle esixe unha maior e mellor formación, e que apareceron unha certa variedade de especialistas, seguramente aínda insuficientes en categorías e claramente insuficientes en número.
Que ocorre entón para que continuemos falando de gratuidade como un obxectivo?, pois que as circunstancias externas, máis aló de escolas e profesores, si que variaron dun xeito importante. Onde antes se ía a escola coas mans nos petos, levando como moito unha pequena lousa e un pizarrillo, comezaron a incorporase cadernos, materiais de escritura e debuxo, libros de texto, dicionarios; e xa máis preto ao noso tempo, ordenadores, tablets, e un amplo etcétera de necesidades actualizadas que son sufragadas polas familias e van facendo estoupar as costuras desa gratuidade tan claramente constitucional.
Xa no Informe do Consello Escolar do Estado do curso 1998-1999, tal e como recolle a Defensora do Pobo no seu estudo sobre a gratuidade dos libros de texto, recoñécese moi claramente que “a Constitución española é taxativa… o libro de texto ou material didáctico que sexa preciso para impartir a educación básica, e polo tanto, para garantir o dereito fundamental á Educación ten que ser gratuíto”. Penso que esta reflexión hai que entendela en sentido cada vez máis amplo, e ter un criterio xeneroso do que é material didáctico, porque realmente dentro desa categoría debería entrar calquera recurso que se utilice para o quefacer educativo, material ou inmaterial, funxible ou permanente, recorrente ou conxuntural.
Actualmente, a dotación inicial dun curso escolar require unha achega económica das familias dun importe considerable, destinada non só a libros de texto, senón tamén a material de librería e papelería básico e que está sendo reclamado polos centros públicos como imprescindible; logo, durante o curso escolar, as peticións de diñeiro por parte dos colexios e institutos é constante, ben dun xeito directo: máis material, entradas para unha actividade, transporte para unha saída, libros para as diferentes lecturas; ou indirecto, dispoñibilidade de conexións a internet, necesidade de medios dixitais, vestiario específico para determinadas saídas.
E todo isto sen que ninguén se cuestione seriamente se se está conculcando o mandato da gratuidade, se estamos deixando parcialmente fóra do sistema educativo a unha parte da poboación; e sobre todo, o que é moito máis grave, se temos perfectamente asumido como colectividade que o ensino e todo o que o rodea, sobre todo a dispoñibilidade dos medios imprescindibles, é unha obriga colectiva, e polo tanto un dereito individual, ou é unha carga económica da que pretendemos liberarnos, deixando así á súa sorte, non xa a aqueles que teñan menos facilidades pecuniarias, senón realmente a todo o conxunto social que deixará de ter a certeza de que os seus membros teñen esa formación que consideramos mínima para formar parte deste grupo no que vivimos.
Pero máis aló do enunciado do problema, o interesante é analizar a resposta pública e particular que se lle está a dar, a resposta particular no caso dos colectivos implicados dun xeito directo, familias e profesorado, é dunha aceptación absolutamente insolvente do status quo, porque xa non é que se dea por perdida a batalla da gratuidade, é que se xustifica o permanente recurso aos fondos particulares nunha hipotética e nunca demostrada mellora da calidade do ensino que reciben os nosos fillos / os nosos alumnos, e se deixa aos menos favorecidos para seren atendidos mediante unha moi concreta resposta pública: os servizos sociais; co que estamos asistindo a unha propagación espuria de programas subvencionadores, que lonxe de contribuír a nivelar a accesibilidade ao ensino público, están entorpecendo a normalización dun dos piares fundamentais dese mesmo ensino, a equidade.
A defensa da gratuidade é moito máis que o pagamento dun libro de texto, ou o facilitamento duns euros para un autobús ou unha actividade extraescolar; a defensa da gratuidade é a defensa da responsabilidade colectiva na Educación, a defensa dun modelo de inclusión que realmente non teña límites nin barreiras, é a consideración de toda a infancia e a mocidade como suxeitos absolutos de dereitos, como obriga común de defensa e protección, e tamén é a asunción conxunta de que a Educación Pública é unha responsabilidade, tamén económica, de todos e todas, sen límite.