Seica aínda fomos unhas poucas
Pasou o 8 de marzo, e houbo tres ou catro mulleres, e algún home despistado, que seica se concentraron en todas partes; amañárono ben, como as mobilizacións estaban convocadas a horas distintas ao longo do día, deulles tempo a chegar dunha para outra, cambiando de roupa e de peitado para que non as recoñeceran, tal semellaban que eran outras, pero non, non eran; porque todos sabemos que é unha tolemia de poucas.
Encheron as prazas, as rúas e as avenidas, pero iso foi un efecto óptico, elas ían correndo dunha beira á outra ao mesmo tempo que se movían as cámaras, para non deixaren ocos baldeiros, e que semellara que había máis xente, pero non había,, non, estaban organizadas e tíñanlle gañas á publicidade, pero ser eran poucas.
O máis complicado foi termar das faixas, porque as veces non daban feito a tantas como había, houbo que artellar armazóns que as mantiveran en pé, e elas ían dunha á outra segundo os xornalistas querían facer unha foto, ou as televisións querían pillar un plano; hai que lles dar as grazas porque ás veces tiveron que agardar un anaco; non porque elas non chegaran, que chegaban, é porque había outros xornalistas noutros lugares para outras fotos.
Pero foi moi de agradecer o resultado, porque o traballo foi tan bo, e tan ben feito, que a prensa toda dixo que había miles e miles de persoas, as fotos aparentan cheos históricos de todos os lugares, o ruído, que dicir do ruído!!, berraban coma se tiveran mil altofalantes, e escoitouse coma se o pobo enteiro chamara a contas a todas as persoas que non estaban alí, tan ben o fixeron, tanta gaña lle deron, tanta loita investiron.
O pasado 8 de marzo a sociedade volveu falar con voz grande e poderosa, a desas tres ou catro centos de miles de mulleres e homes que encheron a vida toda dun berro novo, o da igualdade, o da participación común, o dunha sociedade máis xusta, máis equilibrada, máis de todas.
Nós somos familias, nais e pais, mulleres e homes, e declaramos que esa loita tamén é a nosa, que eses berros falan por nós, que estabamos alí dentro multiplicándonos para encher as prazas e as fotos, multiplicándonos porque estabamos nós, estaban as nosas fillas e fillos, estaba o futuro que queremos facer para elas e o presente que pelexamos para todas.
Parabéns a toda a sociedade galega por ter sido xusta o 8 de marzo, por ter partillado unha reclamación e unha esixencia: a da igualdade, que ten que comezar polo entendemento de que neste modelo non é posíbel que caiba, e que temos que cambialo para que as nosas fillas e fillos vivan doutro xeito, miren doutro xeito, entendan doutro xeito.
Parabéns a todas nós, fomos moitas ese día, e somos moitas hoxe, e mañá, e sempre.