Non podemos permitirnos que o rural peche
No Ensino Público Galego levamos catro meses vivindo unha situación tremendamente complexa para as familias e o alumnado galego. O estado de alarma provocado pola crise do COVID-19 abrollou unha realidade educativa que algúns levan décadas ocultando, agora sabemos que temos un Ensino Galego moi inferior en preparación e calidade a aquilo que nos dicían dende a administración autonómica. Pero se a situación en educación nestes últimos meses xa foi tremendamente complicada, a situación no rural semella, de cara a un futuro inmediato, empeorar aínda máis.
Xa mesmo, como temiamos, os recortes nos colexios rurais estanse manifestando. Repítese o mesmo modelo que todos os cursos por estas datas, e o rural vai quedar atrás unha vez máis coa escusa dos números e obviando calquera outro factor, mesmo as poucas leis que amparan a defensa do rural de forma específica (*).
A máis que probábel desaceleración económica non pode ser o argumento dun novo recorte, nin no Ensino Público, nin moito menos no Ensino Rural, en ningún caso os dereitos fundamentais poden verse afectados por ela. Porque falar de Ensino é falar de futuro, e falar de Ensino rural é falar do futuro deste país, falar da formación das nosas fillas e fillos e falar de futuro e de futuro sostible.
En circunstancias normais os colexios rurais deberan ser obxecto dunha discriminación positiva ; agora, co último trimestre do curso 2019-20 rematado o 13 de marzo e cun curso 2020-21 no que haberá que sumar os contidos que quedaron pendentes e, no que ademais haberá que prestar especial atención á saúde emocional do alumnado e concentrar todo o esforzo posíbel no alumnado con necesidades especiais e que quedou abandonado mentres a crise sanitaria, os centros de ensino do rural deberan ser intocables.
A igualdade non é negociable e moito menos no ensino. Cando se reducen os medios materiais e humanos dos centros de ensino rurais vese afectada a igualdade de oportunidades e a equidade na educación (**).
Suprimir unha praza docente nun colexio onde xa están varios cursos nunha soa aula, ou adaptar o rateo mínimo para desdobrar unha aula con criterios arbitrarios co fin de “aforrar” docente é comprometer seriamente a calidade da educación dese alumnado. Non dotar do equipo de orientación preciso para atender as necesidades especiais, aínda que sexa dun só alumno o alumna é comprometer a inclusión e o futuro dese neno ou nena, e iso non e cuantificable e tampouco tolerable. Isto está a pasar, por exemplo, no CEIP San Ramón de Moeche en Ferrolterra.
Seguimos a falar de dereitos e os dereitos non son caros nin baratos. Os dereitos por un ensino de calidade do alumnado non ten prezo.
Garantir o dereito a un ensino de calidade das nenas e nenos do rural non é só cousa do rural, e cousa de toda a sociedade. Galiza non pode permitirse que o rural peche.
(*)Ley 45/2007, de 13 de diciembre, para el desarrollo sostenible del medio rural
Artigo 28. Educación.
Para intensificar a prestación dunha educación pública de calidade, o Programa poderá incluír medidas que teñan por obxecto:
a) O mantemento dunha adecuada escolarización nos municipios rurais, mediante programas de extensión da escolarización infantil, de mellora dos resultados educativos do ensino obrigatorio, e de fomento do acceso a niveis educativos superiores, prestando unha atención preferente aos alumnos de zonas rurais prioritarias e aos inmigrantes.
Atención á diversidade do alumnado e, en particular, aos alumnos con necesidades educativas especiais e con discapacidade.
b) A mellora e ampliación do equipamento dos centros públicos educativos, para atender adecuadamente aos alumnos do ensino regrado, especialmente nos municipios rurais de pequeno tamaño, e facilitar a súa utilización para actividades culturais, educativas e sociais polo conxunto da poboación.
c) A potenciación da formación profesional dos mozos e as mulleres, mediante programas adecuados de formación regrada complementados con formación ocupacional, especialmente en novas tecnoloxías e en técnicas de emprego deslocalizado, e con prácticas incentivadas en empresas do medio rural.
d) O fomento da práctica deportiva, mellorando as infraestruturas deportivas, especialmente nas zonas rurais prioritarias, ordenando os espazos de actividade deportiva no medio natural e favorecendo a integración destas actividades co turismo rural.
(**) Modificación de la Ley Orgánica 2/2006, de 3 de mayo, de Educación
Artigo 1. Principios.
O sistema educativo español, configurado de acordo cos valores da Constitución e asentado no respecto aos dereitos e liberdades recoñecidos nela, inspírase nos seguintes principios:
a) A calidade da educación para todo o alumnado, independentemente das súas condicións e circunstancias.
b) A equidade, que garanta a igualdade de oportunidades para o pleno desenvolvemento da personalidade a través da educación, a inclusión educativa, a igualdade de dereitos e oportunidades que axuden a superar calquera discriminación e a accesibilidade universal á educación, e que actúe como elemento compensador das desigualdades persoais, culturais, económicas e sociais, con especial atención ás que se deriven de calquera tipo de discapacidade.
Artigo 2. Fins.
Ae) A formación para a paz, o respecto aos dereitos humanos, a vida en común, a cohesión social, a cooperación e solidariedade entre os pobos así como a adquisición de valores que propicien o respecto cara aos seres vivos e o medio ambiente, en particular ao valor dos espazos forestais e o desenvolvemento sostible.