Descubrindo o noso patrimonio: a equipa gañadora do I Concurso Audiovisual ANPAS Galegas visitou o Museo do Castro de Viladonga
Alédanos compartir con todas vós as imaxes da excursión realizada pola equipa gañadora do I Concurso Audiovisual ANPAS Galegas “Somos Rural”, aproveitando o merecido premio deste certame.
O proxecto “O legado do Indiano en Fene” levou ao alumnado a unha aventura fascinante, visitando o marabilloso Castro de Viladonga, entre outros emprazamentos do noso rico patrimonio.
Nesta enriquecedora saída, as cámaras capturaron non só a beleza do patrimonio material, senón tamén a alegría e entusiasmo do alumnado ao mergullarse na historia e cultura galegas. Desde a Confederación ANPAS Galegas compartimos nun video unha escolma de imaxes que reflicten o ben que o pasaron os estudantes do CEIP de Os Casais neste día de aprendizaxe e diversión:
Desde a Confederación ANPAS Galegas agradecemos a implicación das participantes na primeira edición deste concurso audiovisual, e xa podemos avanzar que estamos a traballar na seguinte convocatoria. Podedes mantervos informadas visitando a web #SomosRural.