A nosa confederación continúa presentándose. O día 28 estivemos con CCOO e o STG e o 30 estivemos coas seccións do ensino da UGT e CIG.
O día 28 estivemos con CCOO e o STG e o 30 coas seccións do
ensino da UGT e CIG. Como foron as conversas cos diversos sindicatos de ensino?
O pasado día 28 estivemos falando con CCOO e co STEG; por parte de CCOO estiveron J.Manuel Fuentes e Verísimo Pazos, e mantivemos unha conversa moi centrada no desexo dunha colaboración futura normalizada. O énfase por parte do sindicato veu no consideración da variación que significa a nosa presenza nunha estrutura das forzas reivindicativas da educación, moi marcada pola presenza de dúas plataformas, varios sindicatos e, agora, dúas confederacións de pais e nais, no ámbito galego.
Esa consideración non entrou en ningún momento na conveniencia, ou rexeitamento desta realidade; tan só na súa constatación, e na apreciación de que isto veu marcar unha liña diferenzadora sobre a realidade ata agora existente.
Por outra parte, explicitamos, do mesmo xeito, como unha exposición non cuestionada, os nosos diferentes ámbitos de acción; pero matizando que iso non ten porqué nos impedir traballarmos xuntos no ámbito galego.
Como diciamos ao principio, o básico da reunión foi o desexo de colaborar, de nos informar mutuamente, e que a nosa aparición ten que ser un momento positivo para a defensa do ensino público galego.
Canto ao STEG, a reunión discorreu polas mesmas canles de normalización e cordialidade; compartimos uns con outros a visión de organización asemblearia, galega e plural; e a necesidade de que neste momento é altamente necesario traballar a prol do noso ensino público.
Tamén se falou, e non só con eles nin só neste momento, da nosa implicación no Ensino dende un punto de vista absoluto, non só como pais-nais do alumnado deste noso País, senón mesmo como mostra da cidadanía do mesmo, porque o Ensino é tema de todos, e non só dos seus actores directos.
O día 30 estivemos coa UGT, pola súa parte estivo con nós Raúl Gómez, Secretario de Ensino Público; a nosa conversa foi distendida e participativa. Pouco máis tarde falamos co Secretario Xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao, nunha conversa que tivo tamén un ton de distensión e recoñecemento mutuo.
Con Raúl Gómez, dende o punto de vista formal, presentámonos, entregámoslle un exemplar do noso ideario, falamos brevemente das nosas peculiaridades e características, e logo dedicamos o tempo a falarmos da situación actual do ensino logo da brutal irrupción descontrolada da LOMCE.
Poderiamos dicir que a UGT mantén unha postura de estrañeza sobre a nosa presenza; por unha parte, obviamente, sabía xa da nosa existencia e non se cuestiona a nosa aparición, por outra, fixo reiteradas referencias ao feito de nos existir xunto con outra confederación. Tamén é certo que non houbo máis ca dar a explicación que xa comeza a ser cotiá, “cantos máis sexamos, mellor, nós vimos a sumar, non a dividir”.
Coincidimos na necesidade de manter vivo o rexeitamento á LOMCE, e falamos un tempo dos libros de texto, onde atopamos posturas moi coincidentes, máis quizais un tanto supeditadas pola súa parte ao tipo de actuacións que se realicen no conxunto do Estado.
Pouco máis tarde falamos co Secretario Xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao, nunha conversa que tivo tamén un ton de distensión e recoñecemento mutuo.
A CIG fai unha valoración especial sobre a nosa presenza en Galicia, onde nos xulga como imprescindibles. Entenden que a nosa aposta polo País como ámbito racional de traballo é totalmente coincidente coa filosofía da súa propia organización; e nesa medida transmitíunos a satisfacción do sindicato pola nosa existenza, o que non quere dicir que non vaiamos ter puntos de discrepancia e coincidencia, como con calquera outra organización, tanto máis canto que nós reafirmámonos na nosa diversidade natural, e na nosa non adscrición partidista.
Se algo diferenciou esta, de momento, última conversa coas outras xa realizadas, foi a oferta incondicional da CIG de poñer os seus medios materiais á nosa disposición para así participar na consolidación dunha entidade que está a nacer porque consideran, como xa se dixo, que o País necesítanos.
Falamos tamén da LOMCE, asimesmo da necesidade de manter acesa a mobilización da sociedade contra dela; e da importancia de non aplicala, por todos os medios legais, para evitar que se consolide unha lei que, como din todos os partidos políticos, está chamada a ter unha moi breve vixencia.
E en canto aos libros de texto, quedamos uns a agardar polos outros para coñecer os plantexamentos mutuos e así podermos apoiar mutuamente.
Como en todos os casos até o momento, as conversas remataron con mutuas ofertas de colaboración futura. Así ha ser, alomenos polo que a nós corresponde.