Xuntanza da Confederación Anpas Galegas na consellería de Educación: o goberno négase ao diálogo e a solucionar os problemas educativos
O pasado venres 19 de xuño tivemos unha reunión con varios dirixentes da consellería de educación, por parte da nosa Confederación asistiron o presidente, Javier Sánchez; o vicepresidente, Fernando Lacaci; e a tesoureira, Bertila Fernández. Por parte da consellería estiveron José Manuel Pinal, director xeral de centros e recursos humanos, Manuel Corredoira, director xeral de educación, formación profesional e Innovación Educativa; e Jesús Oitavén, secretario xeral técnico da consellería de cultura, educación e ordenación universitaria.
Nós solicitamos unha reunión o pasado 17 de marzo, e a esa solicitude contestaron o 20 de abril convocándonos para o 19 de xuño; dez días máis tarde, o 30 de abril, dixemos por escrito que a cita era moi tarde, e que había canto menos dous temas importantes sobre os que habería que falar antes: a avaliación de 3º de primaria, e a organización da vixencia dos libros de texto e as axudas á súa compra, pero non recibimos resposta, polo que aparecemos cando nos convocaran, o pasado venres.
Antes de entrar na valoración da reunión hai que explicar un concepto que permeabilizou toda a xuntanza, “nós estamos aquí porque vós pedistes esta cita”, esta frase textual que nos dixeron a pouco de entrar resume perfectamente o espírito de funcionamento da actual consellería de educación; mentres que nos medios de comunicación éncheselles constantemente o discurso de referencias ao necesario contacto coa sociedade, á escoita e participación, a realidade é que a consellería de educación obvia aos interlocutores que representan a unha parte moi senlleira da comunidade educativa, e temos que ser nós quen andemos a solicitar que se nos escoite, que se abran canles de diálogo, que se traballe en común e que se utilicen as discrepancias como achegas e como mostras da diversidade que existe na sociedade que se pretende regular. E nós facémolo sen arrubiar, pero continúa faltando a súa chamada.
Como era previsible a xuntanza estivo polarizada totalmente pola polémica sobre o tratamento das axudas á compra de libros de texto e a creación do “fondo solidario”, o banco de libros que organiza a Xunta; entre nós e os representantes da consellería hai unha distancia moi ampla na concepción filosófica deste problema; para eles o ensino gratuíto non inclúe os libros de texto -porque o que dixo a Defensora del Pueblo ou Consello escolar do Estado “é algo co que nós non temos porque estar de acordo”- e para nós é obviamente a base do que entendemos debe ser o tratamento público do problema.
Para a consellería, ou os seus representantes en todo caso, o seu criterio foi de axuda ás rendas máis baixas nun primeiro momento, e este ano comeza a se substituír progresivamente polo préstamos de libros procedente do banco que se constitúe coa devolución dos libros mercados anteriormente co cheque; e vai ser un éxito non porque conten cos seus propios e presuntamente organizados medios, senón porque “as familias van doar os libros dos que dispoñen”; non se nos transmitiu ningún tipo de estudo sobre a súa evolución, de previsión de resultados, de capacidade de anticipación aos problemas porque “non vai haber problemas”; e consideran que a participación das familias está sobradamente incluída cando se nos permite “recoller, clasificar e entregar” (tal e como día a Orde do 21 de xuño) os libros de texto que formen o fondo solidario.
Por suposto, non podía deixar de saír, a razón deste modelo de xestión está na omnipresente crise económica; o sistema anterior non era sostible, e entón crearon este, e mesmo avanzaron na reutilización dos libros de texto porque agora nin tan sequera este que crearon era sostible tampouco. Fixemos referencia obrigatoria á necesaria prioridade que deben ter os investimentos educativos, pero ese tamén é un discurso que levamos esgrimido moitas veces e que a Xunta de Galicia rexeitou sempre, non hai diñeiro e non pode gastarse nada.
Calquera de nós é quen de facer un varrido polos orzamentos da Xunta e entresacar subvencións absurdas, convenios impresentables, alugueres innecesarios, e un amplo etcétera que sempre fixo decaer o argumento da crise económica; cando a Xunta non pague ningunha cousa menos importante que os libros de texto, incluídas as transferencias ao ensino concertado, entón valeranos o argumento da crise, non antes.
Dicir e expor os erros aos que se vai enfrontar o absurdo sistema que trazou a consellería, onde non hai igualdade porque cada colexio vai ter unha solución e unha problemática diferente; onde o sistema informático está fallando xa na contabilización inicial dos libros que deben ser devoltos; onde a falta de previsión pode facer que todo o mundo teña libros de matemáticas, por exemplo, porque hai moitos, pero ninguén os teña de lingua, por exemplo tamén; a falta de solución á casuística de NEAE, que segundo eles está perfectamente cuberta, e ao dicilo fan un exercicio de descoñecemento activo do que ocorreu o pasado curso e está a ocorrer tamén neste; todo iso dixémolo, e moitas cousas máis, pero o resultado é só un: “tedes un criterio que non coincide coa administración”.
Logo de perder moito tempo, porque foi perdido, fixemos unha pregunta moi concreta: “Rexeitamos o sistema, por diferentes motivos, as confederacións de anpas, os sindicatos, a asociación de directores de centros de ensino público, os partidos políticos e os movementos sociais, non vos plantexades escoitar e cambiar o que se está a facer?”, a resposta, iso é verdade, tamén foi moi clara: “por suposto que non se van cambiar as ordes e seguiremos da mesma maneira, non vai haber ningún problema”.
Con eses vimbios, a cesta que se pode tecer é moi pequena e moi feble. Aínda así renovamos a nosa disposición ao diálogo, sempre que sexa previo, e que non se basee en feitos consumados. A colaboración coas disposicións administrativas elaboradas, que é onde eles sitúan o noso papel como familias do ensino público, non é a nosa idea de participación, iso é obediencia á norma, ou submisión segundo se mire, pero non é o papel que nós atribuímos á sociedade nin a nós mesmos no papel de voceiros que conxunturalmente nos corresponda.
Falamos doutras cousas, xa moi rápido; da participación das familias nos comedores escolares de xestión directa; onde nós defendemos a profesionalización dos participantes –sexan familias ou non- e eles defenden o libre acceso das nais ao espazo educativo do comedor (porque “non hai ningunha nai traballando no reparto de comidas”, segundo as súas propias palabras). Pero tampouco consideran os comedores un servizo educativo, só é un servizo complementario.
Deixamos sobre a mesa o noso interese en constituír mesas de traballo, de comedores e de transporte escolar, así como de traballar na atención sanitaria ao alumnado durante a súa estadía nos colexios; non podemos dicir que dixeran que non, tampouco que si, non dixeron nada.
E repetimos constantemente que é prioritario o diálogo, que o feito de que esteamos en contra da LOMCE (botáronnolo en cara como se fose un muro infranqueable), cousa que non negamos, non impide que falemos de todo en calquera momento; máis agora cando a postura en contra da LOMCE semella ser tamén maioritaria dentro do poder político constituído –na sociedade xa o era-, cousa que tamén escoitaron e non responderon.
Agardemos que esta concepción da Administración como un couto pechado do que emanan normas que o pobo debe cumprir sen criticar, e mesmo colaborando na liña concreta que se lle marque, vaia rachando máis rápido que cedo, e que a nosa permanente oferta ao diálogo, que non necesariamente implica acordo pero si necesariamente implica escoita e atención, acabe callando naquelas persoas escolleitas polos nosos representantes públicos para facer prácticos os nosos dereitos, porque realmente esa é a pedra de toque: os dereitos son nosos, a sociedade é nosa, e temos que, e queremos, dicir, falar, opinar, e participar sobre todo o que nos afecte.
1 resposta
[…] Xuntanza da Confederación Anpas Galegas na consellería de Educación: o goberno négase ao diaolog… […]