DO RESPECTO
Nós sempre falamos de Ensino Público, de formación académica, pero tamén daquela formación persoal que lle ven aparellada na convivencia diaria, no trato interxeracional, na transmisión de coñecemento e tamén de valores unanimemente aceptados: inclusión, respecto, non discriminación, igualdade, empatía co outro, aprendizaxe e valoración da diferenza, coñecemento dos propios dereitos como medio imprescindible para a garantía dos dereitos de todas.
Centrámonos na mocidade ata a súa maioría de idade, máis ou menos por aí anda o abandono da etapa de ensino obrigatorio, e dese ensino practicamente obrigatorio que é o bacharelato. E resulta evidente que nos últimos anos desta etapa aparecen problemáticas que tamén queremos que se traten dende o Ensino Público, precisamente porque son os anos onde resulta máis necesaria a aposta pola transmisión de valores sociais positivos, moi nomeadamente o escrupuloso respecto cara todas as demais persoas que comparten con nós o tempo e o espazo vitais.
Fogar e Escola son os dous puntos de influenza máis marcados na educación, pero andariamos pouco espelidos se non tiveramos moi presente a importancia do modelo e do discurso social; segundo as nenas e nenos van medrando, é ese modelo quen cada vez ocupa un espazo máis amplo na educación da xuventude, e tamén quen condiciona cada vez máis o seu comportamento, tal e como fai tamén na madurez.
Do mesmo xeito que existe unha resposta social que reclama un cambio no tratamento formal que se lle está a dar aos delitos de carácter sexual, agora que está nas rúas o clamor pola defensa da dignidade das mulleres, que están de seguido a se ver obxecto de xuízo tan só por selo; tamén é ben dicir, como nais e pais, que estamos fartas de matices que discriminan, de enfoques que obstaculizan os dereitos, e de interpretacións que volven, unha vez e outra, a reivindicar a mesma xustiza inxusta.
Todas nós, todos nós, queremos que todas as mulleres do mundo, tamén as nosas fillas, vivan con liberdade e sen medo, que se saiban, e todos o saibamos, seguras dos seus dereitos e da súa dignidade, que gocen dos seus corpos como lles pete a elas, e rexeitar a quen non desexen.
Por iso tamén dende aquí poñemos a nosa parte para esixir unha nova sociedade, cunha nova legalidade, onde o respecto absoluto por calquera persoa sexa o máximo ben a defender, e o maior dos valores nos que educar. E apoiamos, e estamos orgullosas, de todas as mobilizacións que están enchendo as rúas e as prazas do noso País para reclamar eses cambios, e ese respecto.