Os dereitos do alumnado e o pin parental
Diante das recentes informacións aparecidas nos medios de comunicación, na Confederación ANPAS GALEGAS queremos manifestar o noso total desacordo co que chaman Pin Parental.
Unha iniciativa que pretende establecer nos centros educativos a posibilidade de que as familias esixan que se lles solicite a súa autorización expresa para a participación da súa filla ou fillo en calquera actividade complementaria que teña unha carga ideolóxica ou moral que poida ser contraria ás súas conviccións.
As actividades que se levan a cabo nos centros de ensino están recollidas na súa programación xeral anual que, á parte de se rexer polos propios programas educativos aprobados pola Consellaría de Educación, apróbase pola dirección do centro previa valoración do Consello Escolar.
Esta pretensión supón un agravio cara o traballo do propio Consello como máximo órgano de participación da comunidade educativa, máis tamén unha privación de dereitos do alumnado; ou mesmo un traballo innecesario de emisión, recepción e control daquelas presuntas autorizacións.
Temos que ter en conta que a meirande parte desas actividades que se pretenden “controlar” teñen coma obxectivo informar e concienciar sobre a diversidade e a propia seguridade e benestar do alumnado: drogadicción, sexualidade, risco suicida, prevención de embarazos non desexados e ETS, bullying, acoso escolar, malos tratos, etc.
Privar a parte do alumnado da participación nas mesmas estaríao privando de ferramentas para unha mellor convivencia, deixándoo en desigualdade de condicións fronte ao resto dos seus iguais e nunha situación incómoda ou violenta para explicar ao resto do grupo o porqué da súa “non participación”.
Cómpre engadir que estas actividades teñen como fin último mellorar a calidade humana do alumnado e a súa empatía e respecto cara ás demais, que ben seguro lles servirá para vivir en maior harmonía e evitar conflitos. Máis tamén hanlles dotar de coñecementos e ferramentas que lles permitan evitar situacións non desexadas, ou mesmo protexer a súa integridade física e moral.
Por riba de todo, temos que subliñar que privar á mocidade da posibilidade de coñecer, de dispor de información, estaríalles diminuíndo a súa capacidade para decidir por si mesmas. Calquera de nós, cando deixamos ás nosas fillas e fillos nos centros de ensino, confiamos no ben facer do profesorado, máis tamén no propio criterio das crianzas á hora de escoller e participar nas actividades, talleres, charlas, etc que se lles presenten.
Pretender controlalo dende a casa é pór en tela de xuízo a súa propia capacidade formativa; ou algo peor: pretender negar a liberdade das propias fillas e fillos, para ver de perpetuar neles aquelas ideas que soamente se basean na intolerancia e na exclusión, as que manteñen e xustifican os privilexios dunhas poucas sobre as demais.
Por todas é coñecido que hai moito que mellorar no actual sistema educativo, pero censurar a capacidade de traballo dos centros de ensino dista moito de ser unha mellora. Se dentro das actividades propostas polos mesmos houbera algunha susceptible de ser censurada ou eliminada, os camiños para facelo son outros: os consellos escolares, a quen por certo xa se lles limitou amplamente as súas competencias, e non estaría de máis empregar estas enerxías en restaurárllelas, e non perder o tempo en ideas sen fundamento nin demanda real, como é o pin parental.
O que pretenden as promotoras do Pin Parental, baixo o falso disfrace da defensa dos dereitos das familias, é recortar os dereitos da infancia e a mocidade; actuando en contra da obriga común, de familias e Estado, de traballar na súa defensa, velando por eles, e garantindo a seguridade do seu exercicio en liberdade.
Detrás desta idea disfrazada de falsa liberdade, virá a intencionalidade pola súa parte de impor criterios ideolóxicos, políticos, sectarios e reaccionarios, o que ninguén quere máis que aqueles a quen beneficia.
Antepor a vontade individual das familias sobre os valores que a sociedade ten aceptados, regulados, e consensuados, supón retroceder a tempos nos que esa institución tiña unha concepción xerárquica, encabezada por un pater familiar que todo o podía, mesmo decidir e limitar a vida e a formación dos seus propios fillos, sen contar coa súa opinión nin atender aos seus intereses e necesidades, nin moito menos aos intereses e necesidades da propia sociedade que o había acoller; e ninguén queremos retroceder a ese indigno momento histórico.
Temos moi recente a Historia recente do Estado español como para non recoñecer este tipo de ideas, que agochan pouco a intención de seguir os mesmos pasos daquel réxime que non debemos esquecer para non repetilo. A educación non pode estar dirixida pola vontade particular de cada familia, pois iría en contra do que a propia Constitución establece.
Non se recolle en ningures o dereito particular das nais e pais a escoller os contidos do ensino, e polo tanto o Pin Parental non ten, para nós, cabida no noso ordenamento legal, nin xustificación no noso código de convivencia…
Por todo isto na Confederación ANPAS GALEGAS temos que manifestar o noso total e absoluto rexeitamento a esta campaña de desprestixio do noso Ensino Público, e dese despropósito que deron en chamar Pin Parental.
Por unha educación pública e de calidade para todas..