Historias do protocolo de volta ao cole, visión das familias.

O
problema do espazo nas aulas xa existía antes da chegada desta crise sanitaria
e está provocado polas elevadas ratios. Isto non se vai solucionar retirando
mobiliario que, entendemos, si é indispensable e por iso está aí e, de non
selo, probablemente non exista un lugar alternativo de almacenaxe, que é o que
acontece na maior parte dos centros. Por
outra banda, cando se suxire empregar aulas máis amplas, novamente somos
testemuñas do ninguneo e menosprezo a materias como música, plástica ou
educación física xa que son ás que se refiren directa ou indirectamente, dando
a entender que non precisan os seus espazos diferenciados.
Finalmente, o uso obrigatorio da máscara pode ter consecuencias tanto
sanitarias, por non poder garantir o seu emprego axeitado, como a nivel social,
emocional e comunicativo, como xa advirten os expertos. A máscara impide unha
comunicación natural, non permite visualizar as expresións faciais nin a
vocalización, aspectos fundamentais na aprendizaxe da linguaxe e das
habilidades sociais, tanto nas primeiras etapas da infancia como na
adolescencia, onde a referencia social é o vehículo polo que aprenden a
relacionarse co medio e coas compañeiras e compañeiros.