Xornada sobre o plan educativo no rural en Mazaricos (6 de maio 2023)
O pasado sábado 6 de maio celebrouse na Picota (Mazaricos) unha xornada para presentar o documento Por un plan educativo específico para o rural, organizada por ANPAS Galegas en colaboración coa Federación Provincial de ANPAS da Coruña – Costa da Morte.
Quedou claro e manifesto que o ensino público galego precisa dunha discriminación positiva se se quere que o rural non morra. As familias entendémolo e comprendémolo. Quen ten que velo e asumilo é a Consellería de Educación.
O alumnado non debe medirse por números: o alumnado NEAE precisa de atención personalizada e é esixible a súa inclusión no sistema educativo, porque a escola é a antesala da vida, e a vida é diversidade; a optatibilidade na ESO non pode estar determinada polo profesorado que dispón o centro, a escola ten que abrirse á contorna e o profesorado debe estar liberado da carga burocrática que non lle corresponde para adicarse ao que elixiu como profesión; o servizo de comedor de xestión directa é o modelo que a Consellería de Educación debe adoptar; o transporte escolar no ensino postobrigatorio é unha necesidade no rural galego, así como tamén o é adaptar a Formación Profesional á contorna rural.
Non foi pouco o que se debullou, debatiu e se puxo en común, con sentimentos, emocións e algunha que outra bágoa. Pero finalizamos a xornada con moita risa. O grupo de Teatro A Troula, de Mazaricos representou a súa obra “Serán“, facendo un percorrido pola nosa historia, para facernos reflexionar sobre cal é o futuro que queremos no rural. Non se podía ter un mellor final de xornada!
A seguinte cita para falar sobre a necesidade de contar cun plan educativo específico para o rural será en Becerreá o vindeiro día 16 de maio.